Máis de cen mozos xúntanse na Rede Solidaria de Mocidade

Oito centros educativos galegos e case un centenar de alumnos e alumnas déronse cita o pasado sábado, 9 de novembro, na Asamblea da Rede Solidaria da Mocidade que promove Entreculturas. O encontro tivo lugar no colexio Santa María do Mar – Xesuítas da Coruña e o Colexio Apóstol participou co grupo da Rede que ven traballando no noso centro durante todo o curso. A profesora Marta Leirós acompañou aos 17 estudantes do noso Colexio que están a desenvolver este proceso de cidadanía global, solidaria e comprometida que propón a ong xesuíta. Varios obradoiros, unha marcha reivindicativa en favor da muller e en contra da violencia de xénero, o deseño e exposición da axenda solidaria deste curso 19/20 e unha comida compartida foron algunhas das actividades realizadas durante toda a xornada. Houbo un tempo para as experiencias no que se compartiu a viaxe de profes e alumnos galegos a Arxentina, o pasado mes de setembro, dentro dos proxectos Red 21 de Entreculturas. E un dos momentos máis emocionantes foi a testemuña da expedición da Amazonía que visita Galicia e que tivo un tempo para cantar, bailar, pintar e sensibilizar sobre a realidade dolorosa que está a vivir esta parte do planeta.