Quen somos

O Colexio Apóstol Santiago (Xesuítas) é, primeiro de todo, unha comunidade educativa, un grupo de homes e mulleres, xesuítas e laicos, comprometidos e ilusionados coa tarefa de educar. Somos un centro educativo integrado:  con niveis educativos de infantil, primaria e secundaria (concertados) e bacharelato (privado) que ofrece ás familias de Vigo dende hai preto de 150 anos unha educación de calidade, dende unha clara inspiración cristiá, na procura da excelencia en todas as dimensións da persoa.

Promovemos unha educación centrada na atención persoal ao alumnado e na acollida da diversidade ofrecendo, dende unha clara inspiración cristiá, un modelo de educación de excelencia humanista enraizado na tradición educativa da Compañía de Xesús. Dende unha pedagoxía de inspiración e tradición ignaciana (PPI: Paradigma Pedagóxico Ignaciano) que leva o noso alumnado a afondar nos temas (máis aló dos coñecementos), buscando dende a reflexión e a experiencia propia un significado dos mesmos na súa vida para axudar a construír o seu propio proxecto vital.

Nunha estreita colaboración coas familias, compartindo con elas e coa sociedade a responsabilidade de educar as novas xeracións, e cunha ampla oferta de actividades e experiencias en todos os ámbitos de desenvolvemento da persoa, o noso último fin é formar:

  • Persoas conscientes, competentes, comprometidas e compasivas, que medran dende o seu interior e son quen de valorar o rigor e a calidade das súas motivacións e razóns para vivir, e relacionarse cos demais e coa sociedade.
  • Persoas capaces de comprender e pensar por si mesmas nas distintas situacións e contextos que se lles presenten, dun xeito conscientemente intelixente, crítico, universal e transformador, contribuíndo, dende a plena liberdade da súa realización humana, á construción de estruturas sociais máis xustas para todos os homes e mulleres.
  • Persoas profundamente humanas, maduras, autónomas e libres que dende unha profunda ética sexan quen de afrontar as seguintes etapas da súa vida (proxectar o seu desenvolvemento humano e social), con garantías de inserirse na sociedade de forma plena.
  • Persoas abertas á transcendencia, capaces de dar unha resposta libre de fe a Deus, dende o diálogo e o profundo respecto a outras opcións e crenzas, posibilitando espazos abertos e de encontro entre todos os estamentos sociais e todas as crenzas.

En definitiva, FORMAR HOMES E MULLERES QUE SEXAN QUEN DE TRABALLAR COS DEMAIS E PARA OS DEMAIS NA PROCURA DUN MUNDO MÁIS XUSTO PARA TODOS, SENDO SENSIBLES E REACCIONANDO COHERENTEMENTE ANTE TODO XEITO DE DESHUMANIZACIÓN.

Visión. Que soñamos?

Aspiramos a seguir sendo un centro con clara identidade cristiá, recoñecido pola súa calidade educativa nun sentido amplo de excelencia humana, aberto e accesible para todos e cun trato atento e acolledor coa diversidade.

Un centro que na busca da excelencia pedagóxica (magis ignaciano) aposta por unha constante renovación, actualización e mellora pedagóxica dende a propia e experimentada tradición pedagóxica ignaciana (PPI) e tendo no centro de calquera mellora ou cambio os nosos alumnos, as súas necesidades, o modelo de persoa que queremos formar e a resposta que queremos ofrecer a situación social na que vivimos. Que a nosa sexa unha innovación con sentido; unha renovación pedagóxica para atender con máis calidade e saber dar mellor resposta ao que precisan os nosos alumnos e a sociedade na que vivimos sendo fieis á nosa misión, ao noso proxecto educativo e á nosa tradición pedagóxica.

Queremos ser un colexio con espazos de reflexión e traballo en equipo dos profesionais que traballamos nel, favorecendo o diálogo aberto,  a profundidade, o rigor, a calidade e a busca do que máis e mellor sirva aos nosos alumnos e ao noso proxecto educativo.

Desexamos desenvolver cada vez máis pedagoxías e modos de traballar que favorezan un trato personalizado e inclusivo para todo o alumnado independentemente das súas necesidades individuais, na busca dunha educación integradora da persoa onde cada alumno poida desenvolver todas as súas potencialidades e competencias: físicas, intelectuais, sociais, artísticas (estéticas) e espirituais; recoñecendo as fortalezas de cada un e construíndo sobre elas, con espazos educativos onde as intelixencias menos presentes no currículo poidan manifestarse e desenvolverse.

Queremos seguir xerando un forte sentido de pertenza e identidade nos profesionais do Centro, nas familias e sobre todo no alumnado, aliñados cun Proxecto Educativo baseado na coherencia, a exemplaridade e o testemuño persoal e institucional de todos os que traballamos no colexio e un diálogo transparente e construtivo entre os distintos membros da comunidade educativa.

Por último, buscamos ser un Colexio inserido na realidade cultural e social do barrio de Teis, da cidade de Vigo, e de Galicia, adaptándonos ás súas necesidades e sendo coñecedores e protagonistas do seu pasado, presente e futuro.

Que valores nos inspiran?

No noso traballo diario, comprometémonos a CULTIVAR e tratar de  HARMONIZAR entre si os seguintes valores:

  • Fe. Como apertura á transcendencia, celebrando e expresión da fe cristiá e do evanxeo de Xesús como referencia. Promovendo un diálogo san entre a fe e a cultura actual.
  • Xustiza. Tanto a nivel local como na dimensión global, e como expresión preferente polos máis débiles e necesitados. Propoñemos relacións persoais e laborais xustas.
  • Liberdade. Como máxima expresión de autonomía e iniciativa persoal dende a madurez, a participación responsable e a corresponsabilidade.
  • MAGIS. O Magis ignaciano exprésase na procura da excelencia persoal, profesional e na xestión de todos os procesos, na procura da autoesixencia, a mellora continua e o máximo potencial individual do alumnado e cada un profesionais do centro.
  • Esperanza. Porque sen esperanza non hai alegría, nin futuro, nin reconciliación, nin conversión. Porque a esperanza é a que da alento nos momentos de incerteza ou de falta de claridade. Queremos educar persoas esperanzadas co futuro da humanidade, capaces de seguir sempre adiante; e queremos educar dende a esperanza de que cada rapaz e cada rapaza merecen sempre unha oportunidade máis que está por chegar.
  • Capacidade crítica. Para construír unha cidadanía madura, autónoma e corresponsable da sociedade que queremos mellorar, con capacidade de discernir e discriminar en cada momento e situación, e co propósito permanente de sacar o mellor de cada persoa e institución.
  • Creatividade. Buscando diferentes enfoques, mirando dende outros ángulos, traballando o pensamento alternativo, ofrecendo solucións distintas.
  • Coherencia. Construíndo comunidade dende o testemuño persoal e institucional promovendo o compañeirismo, a corresponsabilidade, o respecto, o diálogo e a participación, así coma un bo clima de centro e convivencia.
  • Compromiso. Expresado a través da implicación persoal, do traballo profesional, da xenerosidade, do exemplo e do testemuño
  • Flexibilidade. Como expresión máxima da atención persoal tendo en conta as distintas circunstancias de cada persoa, baseado no do principio e fundamento, en tanto en canto, aplicable as distintas necesidades metodolóxicas ou organizativas, buscando sempre a implicación dos alumnos no seu propio proceso de aprendizaxe.
Contacta con nós

Para cualquera duda ou consulta, rechee este formulario e lle contestaremos tan pronto como sexa posible.

Not readable? Change text. captcha txt