Querida comunidade do colexio Apóstol Santiago:
Estamos a piques de gozar dunhas máis que merecidas vacacións e este ano, se cabe, moito máis. Sempre supoñen un tempo para coidarnos, desconectar, relaxarnos e facer aquilo que nos vén ben a cada persoa. Dadas as circunstancias deste verán e do tempo que nos está a tocar vivir, propoñémosvos cambiar esa pregunta de que me apetece ou que necesito? pola de ONDE SE ME PODE NECESITAR? A invitación é a poder colaborar nunha experiencia nova chamada: SERVIR XUNTOS VERÁN 2020.
Unha iniciativa da familia ignaciana que se pon ao servizo daquelas institucións da nosa Igrexa e sociedade que necesitan apoio. A proposta que facemos nace do desexo de saír ao encontro das persoas e colectivos máis castigados neste momento. Hai quen está máis na intemperie e recibe máis fortemente os embates de calquera crise. Unha oportunidade de botar unha man na nosa cidade a favor dalgúns colectivos vulnerables ou institucións que están a dalo todo por “amar e servir” a quen peor vive nesta pandemia.
En Vigo imos colaborar con dous comedores da cidade, o da Fillas da Caridade e o da Misión do Silencio, co Hogar San José (que atende a menores) e con Xaruma.
Quizá unha semana ou unha quincena de xullo e agosto poidas estar dispoñible para botar unha man. Anímaste? Sabemos que todos necesitamos descansar, é xusto e necesario. Pero tamén somos conscientes de que o verán é longo e nel podes atopar tempo para todo (e para todos).
Contamos contigo?. Poderás atopar máis información na páxina web que creamos. Se alguén se anima, aínda que o estea pensando, que encha polo menos o cuestionario que atoparedes na web:
https://sites.google.com/view/servir-juntos-verano-2020/
SJV2020 tamén é unha experiencia que complementa o traballo voluntario co coidado pastoral e a formación. Por iso, o compromiso implica a disponibilidade a participaren nestas actividades que terán lugar polas tardes, en horarios a convir có equipo de Vigo.
Se tes algunha dúbida ou comentario, podes escribir a sjv2020vigo@gmail.com