A comunidade educativa do Colexio Apóstol Santiago despediu o pasado venres, día 30 de xuño de 2023, á comunidade xesuíta que alí residiu históricamente desde os inicios da vida do Colexio en Vigo. Foi nun emotivo acto durante o claustro de final de curso, no cal se lembrou o valor que para un colexio ten a súa presenza.
Resultou un espazo de recoñecemento, agarimo e agradecemento cara aos seis xesuítas que formaron parte desta última comunidade situada en Vigo e que se pecha este verán. Trátase dos pais Manuel Mazón, Manuel Cabada, Ignacio Fernández, Fernando L. Combarros, Benito Santos e do irmán Xosé Bailón. Estes dous últimos permanecerán en Vigo, pero vivindo na residencia de sacerdotes que ten a diocese na zona da Guía, no barrio de Teis. Mazón e Cabada foron destinados á comunidade xesuíta da Coruña, Fernández á do Natahoyo en Xixón, e Combarro, que tamén é o párroco de San Francisco Xabier, terá o seu destino en Alcalá de Henares. Manuel Mazón, Manuel Cabada e Xosé Bailón, presentes no claustro, tiveron a oportunidade de compartir unhas agarimosas palabras de agradecemento á comunidade educativa do Colexio.
A xornada completouse cunha eucaristía e un petisco no frontón. Posteriormente, a comunidade xesuíta tivo un xantar de despedida co bispo de Tui-Vigo, don Luís Quinteiro Fiuza.
Durante o próximo curso dous xesuítas da comunidade de Santiago de Compostela, Dani Cuesta sj e Fernando Gálligo sj, atenderán durante tres días á semana a área pastoral do Colexio, como xa viñeron facendo durante o curso que pechamos, mantendo viva a presenza da Compañía de Xesús no seu colexio de Vigo e tamén nas outras obras e misións que os xesuítas teñen na cidade (Radio ECCA, a ong Entreculturas, o Centro Loiola, e os grupos Mag+s de universitarios.