José María Rodríguez Olaizola SJ ofreceu en Vigo, nun acto organizado pola Escola de Familias de colexio Apóstol Santiago, este mércores 12 de febreiro, unha conferencia titulada “Educar para a liberdade”. Falou ante un auditorio de 150 persoas, maioritariamente membros de toda a comunidade educativa do centro vigués, sobre as diferentes tiranías da sociedade actual que non nos permiten dicir que somos realmente libres: a tiranía económica, a mediática e a máis sutil, a emotiva.
Entre as súas propostas para educar fronte a estas trampas que reducen a nosa liberdade, apuntou varias claves, entre elas, educar para agradecer, reflexionar e pensar, ser críticos e ser capaces de elixir. Na súa alocución dunha hora, Olaizola finalizou dicindo que educar para a liberdade é un proceso constante que “nos vai a levar toda a vida”.
José María Olaizola volveu a Vigo tres décadas despois da súa última visita a esta cidade galega e, ademais desta conferencia aberta ao público, tivo tempo para dúas formacións internas no colexio Apóstol, unha co equipo directivo na que se detivo na transmisión da fe nun centro da Compañía de Xesús, onde máis aló de educar o reto é ofrecer un discurso crente da realidade. E outra ante o claustro de docentes, onde Olaizola fixo unha invitación a profundar na identidade e sentido que, como educadores, teñen os profesores dun colexio de Xesuítas.
Aproveitando a recente publicación do seu último libro, En terra de todos, tamén adicou un tempo para atoparse cos seus lectores e a asinar máis dun centenar de libros.