Comezamos o curso coa lección inaugural de Cristóbal Jiménez sj

Como é tradicional, o curso comezou coa lección inaugural que o alumnado de 2º de Bacharelato recibiu no salón de actos. O director do colexio, Alberto Remeseiro, deu a benvida a todos, especialmente aos “que ides vivir o voso último ano no colexio, un curso que será relevante nas vosas vidas e que oxalá o poidades vivir con paz, ilusión, alegría e moito agradecemento”. E deixoulles unha mensaxe para lembrar durante estes meses: “Que os vosos soños sexan máis grandes que os vosos medos”. O xesuíta Cristóbal Jiménez (Navarra, 1968), actualmente destinado en Madrid, foi o encargado de dar a charla inaugural. Foi durante os últimos 7 anos director do Centro de Espiritualidade de Salamanca e tamén un coñecido xornalista antes de entrar na Compañía de Xesús. Traballou en televisión e radio, en “Cuatro” e la “Cadena SER”, no programa “Hoy por hoy” con Iñaki Gabilondo-. Nesa etapa foi correspondente de guerra, cubrindo conflitos en Bosnia ou Kósovo, xunto a Arturo Pérez Reverte. Xa como xesuíta, foi tamén profesor nos colexios de San Sebastián e Pamplona. Na súa charla, e como motivación para o novo curso, o pai Cristóbal Jiménez xogou coa dualidade da vida: “Non é fácil aceptar os contrastes, recoñecer que a vida a imos construíndo con subidas e baixadas, con éxitos e fracasos. Saber xestionalo, aceptar experiencialmente que a vida se constrúe así é necesario”. Falou da súa experiencia nos medios de comunicación, e advertiu que “non todo o que din é verdade, en moitos casos só destacan os aspectos negativos da realidade. Hai que achegarse a eles sendo críticos”. O mesmo, pero á inversa, dixo das redes sociais, que adoitan mostrar só un parte da vida, a positiva, xerando conceptos ideais que son o contrario da realidade coa que temos que lidar a diario”. Tamén profundou na virtude da esperanza, preguntando se é posible vivir a aventura da vida con esperanza? E relatou dúas actitudes que sempre nos deben acompañar: “O agradecemento e o asombro que, para vós, alumnado de 2º de Bacharelato, poden ser algunhas das claves para afrontar o novo curso con profundidade”. E puxo en valor o tomarse as cousas “con sentido do humor. Só dúas cuestións, principalmente, hai que tomalas moi en serio: o amor que de Deus tennos e a dor do que sofre”. No seu vídeo de motivación e despedida final deixou esta frase para a reflexión: “Que buscamos? Quizais vivir…” Polo demais, o primeiro día de curso para todo o alumnado de colexio transcurriu con normalidade, e nas clase de 3 anos a incorporación será progresiva durante estes primeiros días.