Carreiras solidarias de Entreculturas, todos os días durante esta semana

O Colexio Apóstol está a celebrar, durante todas esta segunda semana de maio, a X Carreira Solidaria de Entreculturas. A totalidade do alumnado, 1.600 estudantes (excepto 2º de Bacharelato, en plenos exames finais) participan neste evento que se está organizando por clases (para manter os grupos burbulla) nas horas de Educación Física. Ademais, uníronse solidariamente todos os membros da comunidade educativa do Colexio, desde familias, xesuítas, profesorado e persoal de administración e servizos.
En total recadáronse preto de 11.000 euros cos donativos realizados, que irán destinados aos proxectos que a ONG Entreculturas ten en marcha para protexer a educación en tempo de Covid-19 en Malawi e Perú. O primeiro deles no campo de refuxiados en Dzaleka onde viven 45.000 persoas, a maioría nenas e nenos, aos que se dotará de novas instalacións e medios hixiénicos na escola. Tamén se apoiará a desconexión dixital que sofren moitos nenos e nenas do rural andino, en Perú, ao non poder ir a clase pola pandemia. Facilitaránselles tablets programadas para que poidan seguir con certa normalidade as clases desde as súas casas.
Desde a Delegación de Entreculturas Vigo, organizadora deste evento, colaborouse activamente na difusión, sensibilización previa así como no apoio durante as carreiras. Facilitáronse ata 10 talleres de motivación, desde 4º de Primaria e ata 1º de Bacharelato, dos que se beneficiaron preto de 900 alumnos e alumnas, para explicar o sentido da carreira e os proxectos para os que se realiza a recadación.
Está a ser unha semana moi intensa coa celebración de case 60 carreiras entre as distintas clases. Todo un colexio, o Apóstol Santiago, o máis grande de Galicia, correndo con Entreculturas pola educación.