O Colexio súmase ao 25N educando contra a violencia de xénero

A nosa comunidade educativa sumouse hoxe ao 25 de novembro, “Día internacional contra a violencia de xénero”. Co alumnado reflexionamos sobre estas situacións inaceptables e inxustificables dende os primeiros cursos (realizando un percorrido adaptado a súa idade) educando no respecto, a equidade, na non violencia… Continuamos dando pasos e abordando os diferentes roles perxudiciais que se poden establecer nas relacións de parella co noso alumnado de secundaria e finalmente en bacharelato abrimos a súa mirada a situación das mozas e mulleres no mundo.

Para a abordaxe traballouse dende cancións, vídeos e contos, dende as oracións da mañá, dende dinámicas nas titorías ou nas nosas materias, apoiándonos na exposición cedida pola Xunta “Cartas de Amor” con creacións de 15 debuxantes galegos ou cunha charla coa secretaria de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, ou en obradoiros facilitados pola nosa ANPA trala mediación de Surgapa.

Dende unha perspectiva artística o noso alumnado de 3º ESO traballou en cartaces onde afloraba o problema dos micromachismos, enviando un deles á exposición da iniciativa do concello “Enlaza Vigo”. (adxunto na parte inferior, traballo feito polo alumno Antonio Díaz Ferreiro).

Ademais un alumno de 1º e outra alumna de 2º de bacharelato foron premiados na súa categoría co 1º premio de relato curto e 2º premio de debuxo da subdelegación do Goberno de Pontevedra. 

Por outra banda, nalgunhas zonas comúns do centro podedes ver parte do traballo do alumnado pertencente á Rede Solidaria no que convidan á reflexión e identificación das actitudes subxacentes a esta problemática social.

Desexamos que todo este traballo contribúa a formar persoas absolutamente comprometidas co rexeitamento a calquera  forma de discriminación ou violencia contra a muller, e cos pasos que como sociedade necesitamos dar cara unha igualdade de xénero efectiva e real.