O Colexio celebrou este 31 de xaneiro o seu tradicional Día do Migrante, dentro da Semana das Migracións e na contorna do día escolar pola paz e a non violencia. Os días previos houbo varias accións de sensibilización sobre esta realidade, con charlas e obradoiros sobre mobilidade forzosa, persoas refuxiadas e bulos contra a realidade migratoria.
Como colofón, o tradicional día de bocata organizouse para a toda a comunidade educativa, que compartiu bocata, froita e un café solidario que ofreceu a ong Entreculturas. Precisamente para esta ong xesuíta irá destinada a recadación deste día, en concreto para un proxecto que financia en Nador (Marrocos) na fronteira con Melilla con persoas migrantes (https://www.entreculturas.org/es/reto-delegacion-vigo). Durante a xornada celebráronse nos patios diversas actividades (scape room, gymkanas, xogos, exposicións…) e tamén nas aulas escoitaron testemuñas de persoas migrantes que viven na nosa cidade.
Un ano máis, desde o colexio Apóstol queremos recuperar, tras o parón forzoso provocado polo COVID, este proxecto co propósito de que o noso alumnado sexa consciente do valor da diversidade, a interculturalidade, o respecto a diferenza, así como das causas e consecuencias do fenómeno migratorio. Que sexa compasivo co sufrimento das persoas migrantes e refuxiadas, capaces de sentir empatía có diferente, competente para convivir de maneira democrática e en paz con persoas de diferentes orixes culturais. Tamén queremos que sexan críticos cos discursos xenófobos sobre a inmigración e comprometidos cunha cultura da acollida e a hospitalidade, desenvolvendo accións que teñan repercusión máis alá do centro educativo.