info@colegioapostol.com  |  986 371 011 | 

Graduación de Bacharelato

O pasado 5 de xuño, o Colexio celebrou o acto de graduación dos seus 126 alumnos e alumnas de Bacharelato, unha cerimonia cargada de emoción coa que a promoción puxo fin a unha importante etapa da súa vida académica e persoal.

Durante a celebración, destacouse o camiño percorrido polo alumnado ao longo dos anos no centro: unha traxectoria marcada pola aprendizaxe, o esforzo, as amizades, os retos e os descubrimentos que contribuíron ao seu crecemento integral.

Na homilía, Dani Cuesta SJ evocou a experiencia vivida polos estudantes na súa  peregrinación a Montserrat establecendo un paralelismo entre aquel viaxe e o momento vital que agora afrontan. Do mesmo xeito que San Ignacio iniciou un novo camiño tras deixar atrás a súa espada e emprender a súa peregrinación, os graduados e graduadas atópanse agora ante unha nova etapa, chamados a abrirse a novos horizontes e desafíos.

Un dos momentos máis significativos do acto foi a imposición das becas, símbolo da formación recibida e dos valores adquiridos ao longo da súa etapa escolar. Máis alá do seu significado académico, representan unha identidade compartida e unhas raíces sólidas que acompañarán ao alumnado no seu futuro persoal e profesional.

Lembramos tamén aos novos bachareis que non camiñan sós. Levan consigo o “corazón de colexio” e a formación inspirada nas 4C da educación ignaciana: persoas conscientes, competentes, compasivas e comprometidas, valores que marcaron o seu paso polo Apóstol e que están chamados a proxectar na sociedade.

Co lema deste curso, «Libres para servir», animamos aos graduados e graduadas a converterse en peregrinos de esperanza, capaces de sementar no mundo esperanza, amor e compromiso ao servizo dos demais.

O Colexio felicita aos 126 novos bachareis e deséxalles moito éxito nesta nova etapa que agora comezan.