info@colegioapostol.com  |  986 371 011 | 

Ao longo do curso académico 2025-2026, o Colexio Apóstol implementará o Programa YAM (Youth Aware of Mental Health), que significa Xuventude Consciente da Saúde Mental e é un programa escolar dirixido á mocidade entre 13 e 17 anos no que aprende e debate sobre saúde mental. YAM foi avaliado nun ensaio clínico controlado aleatorizado en varios países da Unión Europea (incluída España) no que participaron máis de 11.000 mozos e mozas. Nesa investigación avaliáronse tres programas distintos de promoción da saúde mental e prevención de suicidio nas escolas. Os resultados amosaron que a intervención YAM era eficaz para reducir os novos casos de intentos de suicidio e a ideación suicida grave aproximadamente nun 50%, reducindo os novos casos de depresión aproximadamente nun 30%. Observouse tamén que YAM aumenta o apoio entre iguais e fai medrar a solidariedade no grupo.

COMO AXUDARÁ YAM AO MEU FILLO/A?

YAM invita aos mozos e mozas a reflexionar sobre as súas emocións e a considerar diferentes enfoques cando se enfrontan a retos da vida ou a problemas de saúde mental. O programa fai fincapé no apoio aos compañeiros/as que se están sentindo mal. A participación en YAM ten beneficios a longo prazo. Despois do YAM, a mocidade adoita dicir que se sinte máis segura á hora de dar apoio a unha amizade que o necesita e os/as participantes sinalan que as estratexias que aprenden no YAM son usadas máis tarde en situacións difíciles reais, pero quizais o máis importante é que estes/as mozos/as recoñecen a necesidade de buscar apoio cando se enfrontan a situacións complicadas da vida. Durante o programa recibirán información sobre como pedir axuda en saúde mental e daránselles a coñecer recursos locais de asociacións ou organizacións de xuventude que funcionen nas súas comunidades.

POR QUE YAM TEN LUGAR DURANTE AS HORAS DE CLASE?

YAM é un programa de prevención primaria cuxo obxectivo é chegar ao maior número de estudantes posible. Por iso é fundamental traballar coa mocidade onde está. As escolas son o lugar onde a mocidade pasa a maior parte do seu tempo e onde teñen a maioría das súas interaccións sociais. YAM é útil para todos os/as estudantes, independentemente do seu estado de saúde mental. YAM é inclusivo e ten como obxectivo aumentar as habilidades de afrontamento e mellorar as relacións entre pares para todos os/as participantes. Aínda que un/ha mozo/a se encontre ben agora, o que aprenden no YAM pódelles ser útil máis adiante ou pode servir para apoiar a un/ha amigo/a que o necesite. A esperanza é que isto conduza a un clima máis favorable para toda a escola.

QUE FARÁ O MEU FILLO/A DURANTE O YAM?

AM creouse para servir á mocidade en todo o mundo. A xuventude que participa en YAM está convidada a realizar xogos de rol e debater situacións difíciles da vida cotiá traendo ao grupo os temas que lles importan. Estes temas abranguen dende as relacións coas/os compañeiras/os e cos adultos, os cambios de humor que sofren, os sentimentos de tristeza ou como afrontar situacións estresantes. Durante cinco sesións repartidas en tres semanas o alumnado reflexionará en grupo sobre como se poden sentir nesas situacións e debaten como afrontalas contando co apoio de dous facilitadores adultos, e cun material que inclúe pósters, diapositivas, tarxetas para os debates e un pequeno caderniño que lles será entregado para que o garden. No YAM, as voces da mocidade cobran protagonismo, sendo escoitadas e valorada a súa experiencia. Os adultos presentes non instrúen sobre como pensar, sentir e actuar. En cambio, co apoio do/a instrutor/a, todos os/as participantes traballarán en grupo para comprender diferentes perspectivas e dar con posibles solucións aos problemas. O obxectivo non é atopar unha solución única que valga para todas as persoas e todos os problemas de saúde mental. Pola contra, a idea é considerar cómo se senten as diferentes persoas, cáles son as posibles razóns das súas accións e qué tipo de apoio poden necesitar en cada situación.

QUEN SON OS ADULTOS QUE TRABALLARÁN CO MEU FILLO/A?

En Galicia os/as instrutores YAM son orientadores escolares da Consellería de Educación e profesionais da saúde mental do SERGAS (psiquiatras, psicólogos/as e traballadoras sociais). Na aula estará un/ha destes/as profesionais, que realizou un curso dunha semana para poder ser instrutor/a co equipo orixinal que deseñou o modelo, e unha persoa axudante, que realizou un adestramento máis breve. Todos/as os/as participantes tiveron que entregar un certificado de delitos sexuais que foi revisado polos/as responsables do programa YAM en Galicia. Se algunha persoa entre o alumnado participante presenta signos de angustia psicolóxica, o/a instrutor/a YAM falará con eles/as e se asegurará de que reciban o apoio axeitado. Non estará presente ningún/ha profesor/a nin persoal escolar mentres se desenvolve o YAM. Isto é así en todas as escolas do mundo onde se aplica YAM porque sabemos que ás veces pode ser difícil para a mocidade discutir temas sensibles cando hai unha relación preexistente cun adulto, especialmente cunha figura de autoridade. Dende YAM compréndese o papel central do persoal dos centros educativos e cóntase coa súa axuda doutros xeitos. O programa YAM en Galicia forma parte do Protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto- xuvenil das Consellerías de Educación e de Sanidade, sendo cofinanciado polo Fondo Social Europeo+.

AVALIACIÓN DE DATOS PARA FONDO SOCIAL EUROPEO

O YAM está financiado ao 95% con Fondo Social Europeo. Para o control deses fondos todas as persoas participantes teñen que avaliar a acción desenvolvida. FSE dispón de sistemas online de avaliación que se poñerán a disposición dos/as participantes.