info@colegioapostol.com  |  986 371 011 | 

Unha despedida chea de emoción e gratitude

O pasado venres, 6 de xuño, o noso colexio celebrou a cerimonia de graduación dos alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, chea de simbolismo, recordos e agradecementos.
A celebración comezou cunha Eucaristía presidida polo pai Dani Cuesta SJ, un momento que reuniu a alumnado, familias, profesorado e persoal do centro nun ambiente de recollemento e gratitude. As ofrendas, coidadosamente preparadas, representaron o percorrido dos nosos alumnos ao longo das distintas etapas no colexio, desde a súa chegada na infancia ata o paso final cara a unha nova etapa. Ao finalizar a Eucaristía, realizouse a tradicional ofrenda á Virxe, nun xesto moi especial acompañado polo presidente da Asociación de Antigos Alumnos, que simboliza o vínculo permanente coa nosa comunidade educativa. O acto académico tivo lugar no pavillón. A mesa presidencial estivo integrada polo director do colexio, Alberto Remeseiro; a coordinadora de 4º ESO e Bacharelato, Beatriz Estévez de Comínges; o presidente de Antigos Alumnos, Antonio Herdeiro; o pai Fernando Gallego SJ; e a delegada de 2º de Bacharelato, Daniela Crespo. Cada un deles dirixiu unhas palabras cargadas de afecto, orgullo e bos desexos para o futuro dos nosos graduados. Tamén interviñeron varios profesores que acompañaron a esta promoción ao longo da súa traxectoria, compartindo recordos, anécdotas e mensaxes emotivos. Un a un, os alumnos e alumnas foron recibindo as súas bolsas, as orlas e insignias, como símbolo do peche dunha etapa e do inicio dunha nova aventura na que crearán o seu propio “tapiz de vida, coloreándolo de vocación e esperanza”.