Os cerca de 100 alumnos que cursan 2º de Bacharelato no Apóstol participaron nas II Xornadas de Orientación Universitaria, organizadas polo Colexio en colaboración coa ANPA, durante toda a xornada do pasado 12 de marzo. O día comezou coa visita á Universidade de Vigo, no seu campo de Lagoas-Marcosende. Alí coñeceron as distintas facultades (Teleco, Minas, Industriais, Química, Bioloxía e Ciencias do Mar) e disfrutaron do ambiente universitario. Xa pola tarde houbo tempo para as charlas. A primeira, no salón de actos, onde Marina Bouzas faloulles da toma de decisións “desde a calma”.
A intensa xornada rematou nas aulas de Bacharelato onde un grupo de diferentes profesionais explicaron cómo é a súa profesión, como foi o seu paso pola universidade, e atenderon as preguntas do alumnado. Estas charlas dividíronse en cinco grandes áreas de coñecemento en función dos seus intereses: xurídico-empresarial, tecnolóxico, sanitario, bioloxía-investigación e social.