A ONG Entreculturas iniciou unha nova etapa coa inauguración da súa sede na terceira planta do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, deixando atrás o histórico local da rúa Velázquez Moreno. O traslado simboliza un achegamento máis profundo entre as misións educativas e sociais da Compañía de Xesús en Galicia.
A xornada contou cun intenso programa de encontro e celebración. En primeiro lugar, o director do colexio, Alberto Remeseiro, visitou a sede para manter un diálogo co equipo da delegación. Posteriormente, celebrouse unha reunión de traballo co equipo directivo do centro, que rematou cun xantar compartido no comedor da comunidade, nun ambiente cercano e fraterno.
Xa pola tarde, o salón de actos acolleu un claustro de identidade e sentido, aberto a outras obras da Compañía de Xesús en Galicia, representantes doutras delegacións de Entreculturas e membros das AA.AA. do colexio, ademais dos xesuítas Bailón e Benito SJ, que quixeron acompañar esta nova etapa.
A inauguración contou tamén coa presenza institucional de Martín Iriberri, director xeral de Entreculturas e Alboan, e de David Alonso, coordinador de Desenvolvemento Territorial. Un momento emotivo chegou coa bendición da nova oficina, realizada polo xesuíta Dani Cuesta SJ, símbolo do compromiso común por seguir construíndo unha educación transformadora ao servizo da xustiza.

