Na tarde do 30 de xaneiro celebrouse no patio do colexio un acto pola paz que puxo o peche á Semana das Migracións, durante a cal o alumnado reflexionou sobre como podemos contribuír a transformar o mundo.
Construímos un camiño simbólico no que nenas e nenos de todo o mundo avanzaban xuntos, aínda que non se trataba dun camiño doado.
Ao longo do percorrido apareceron grandes problemas como a pobreza, as guerras, o dano ao medio ambiente ou a discriminación, obstáculos reais que moitos nenos e nenas viven cada día.
Neste contexto, a paz non se presentou como algo máxico, senón como unha realidade que nace cando os nenos e nenas escoitan e axudan aos demais.
O acto permitiunos comprender unha idea esencial: o mundo cambia cando os nenos e nenas constrúen a paz.

