info@colegioapostol.com  |  986 371 011 | 

Comezamos o curso 2025-2026

O pasado 1 de setembro, profesores e persoal de administración e servizos regresamos ao Colexio para dar comezo ao novo curso académico.

A mañá comezou co claustro de presentación de Liñas de Forza, no que coñecemos o lema —«Levántate e anda»— que nos acompañará ao longo deste curso e as claves que nos axudarán a vivilo desde a nosa identidade ignaciana e a nosa misión educativa.

A xornada continuou coa celebración da Eucaristía, na que tivemos a oportunidade de deternos. A través dunha dinámica común, un lenzo converteuse no lugar no que cada persoa puido expresar que quería achegar e que quería pintar neste novo curso.

Profesores e persoal de administración e servizos foron deixando a súa propia pegada sobre o lenzo, facendo realidade, entre todos, a invitación que propoñiamos nel: «Deixa que Deus pinte coa túa vida». Cada trazo, diferente e persoal, foi dando forma a unha creación que simboliza tamén o que somos: moitas persoas, moitas historias e moitas maneiras de achegar, pero unha mesma misión.

A xornada rematou cun café compartido, un momento sinxelo para reencontrarnos, conversar e comezar a poñer en marcha todo o que traerá este novo curso.