info@colegioapostol.com  |  986 371 011 | 

Cando a vida cambia os plans

O noso alumnado de 2º de Bacharelato tivo o pasado vendes a oportunidade de escoitar a Desirée Vila Bargiela, atleta paralímpica, na lección inaugural deste curso. Un encontro no que compartiu con eles a súa historia persoal e deportiva e, sobre todo, as aprendizaxes que lle deixou unha vida que, con apenas 16 anos, cambiou de rumbo.

Desirée convidou o alumnado a reflexionar sobre que facemos cando a vida nos cambia os plans, unha cuestión especialmente significativa para mozos e mozas que se atopan nun momento no que comezan a tomar decisións importantes sobre o seu futuro.

Falou da importancia dos seus amigos no proceso de recuperación e de como, durante os primeiros anos, a vergoña e o medo a ser mirada de maneira diferente fixeron que tratase de ocultar a súa discapacidade. Unha anécdota vivida nunha discoteca marcou un punto de inflexión: aceptar a súa nova realidade e o seu novo corpo permitiulle deixar de agocharse e comprender que a súa identidade non estaba definida por ter ou non ter unha perna ortopédica, senón por todo aquilo que levaba dentro.

Desde aquela experiencia, Desirée trasladou ao alumnado unha idea fundamental: a discapacidade non define unha persoa. Todos temos capacidades diferentes, todos podemos achegar algo e todos temos as nosas propias «supercapacidades». Porque, como explicou, ao longo da vida todos imos cambiar e o realmente importante está no interior.
Tamén falou de obxectivos, esforzo e expectativas. Que ocorre cando damos o 100 % e, aínda así, non conseguimos aquilo que nos propoñiamos? Desirée animou os alumnos e alumnas a entender que o valor do esforzo non depende unicamente do resultado e que moitas veces os éxitos chegan, aínda que o fagan máis tarde do que esperabamos. Hai que perseguir os obxectivos por un mesmo, pola necesidade de demostrarnos que podemos.

Na súa intervención tamén reivindicou a importancia de preguntar. Preguntar por unha discapacidade non ten por que ser algo negativo, especialmente cando se fai desde a curiosidade e o respecto. «Ninguén nace aprendido», lembrou, convidando a normalizar as preguntas e a aprender dos demais.
Desirée falou tamén de como nos enfrontamos a un cambio d este tipo: primeiro sufrilo, despois choralo, logo aceptalo e, finalmente, adaptarnos e buscar nel unha oportunidade. Unha maneira de entender a vida que conecta directamente coa resiliencia e coa capacidade de reconstruírse cando as circunstancias obrigan a cambiar de dirección.

Hoxe, Desirée continúa marcándose novos retos e prepara a súa participación nos Xogos Paralímpicos de Los Ángeles. E faino cunha idea que tamén quixo deixar no noso alumnado: «O único incurable son as ganas de vivir».
Na súa intervención tamén reivindicou a importancia de preguntar. Preguntar por unha discapacidade non ten por que ser algo negativo, especialmente cando se fai desde a curiosidade e o respecto. «Ninguén nace aprendido», lembrou, convidando a normalizar as preguntas e a aprender dos demais.

Unha lección inaugural que foi unha invitación a mirar o futuro con perspectiva, a aceptar os cambios, a buscar oportunidades e a non deixar que as circunstancias definan ata onde podemos chegar.